Monday 29 de April de 2024

O Concello habilitará dous puntos violeta fixos e un itinerante durante estas festas de Entroido, en colaboración coa Policía Local


Estes espazos ofrecerán asesoramento e atención á cidadanía ante posibles condutas de violencia sexual

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, habilitará tres puntos violeta para previr, asesorar e atender ante posibles condutas de violencia sexual durante estas festas do Entroido na cidade.

Os puntos violeta contarán cunha dotación de tres persoas —unha psicóloga e dous dinamizadores expertos en violencia de xénero— que ofrecerán información co obxectivo de sensibilizar a cidadanía. Tamén serán espazos seguros para denunciar calquera situación de violencia sexual que poida producirse durante as festas.

O sábado 18 e o luns 20 os puntos violeta estarán no cruzamento da rúa Agar coa rúa Real, en horario de 21.00 a 1.30 horas.

Xa o martes 21, pola natureza da festa dos choqueiros na rúa da Torre, o persoal dos puntos violeta estará ataviado con camisetas específicas para que poidan ser convenientemente identificados na rúa e, en caso de producirse algún incidente, acompañarán á persoa que o necesite a un espazo seguro cedido pola Policía Local nas súas instalacións. O horario de actividade do punto itinerante será de 19.30 a 00.00 horas.

Os puntos violeta, unha iniciativa municipal para os grandes eventos

O verán pasado, máis de 2.000 persoas recibiron información nos nove puntos violeta instalados polo Concello durante as festas estivais. Na noite de San Xoán, o Concello habilitou tres puntos violeta, outros dous durante as festas de María Pita e outros dous no Festival Noroeste. Ademais, instaláronse tamén puntos violeta durante a Feira Medieval e a Batalla Naval. O seu obxectivo, dentro das políticas activas no eido da violencia de xénero postas en marcha por Inés Rey, é informar, previr e, se for o caso, denunciar calquera tipo de agresión.

Ampliación en dúas horas dos horarios xerais da hostalaría

Ademais, no contexto destas festas de Entroido, o Concello vén de autorizar unha ampliación de dúas horas nos horarios xerais dos locales de hostalaría, ampliación que estará vixente desde este venres 17 e ata o vindeiro martes 21, ámbolos dous días incluídos.